Intervención de Luis Espada, director do Observatorio de Egresados, no acto de presentación do estudo
 |
| Luis Espada e Víctor M. Martínez Cacharrón durante a presentación do estudo |
Os dous principais, -e para min únicos
obxectivos do ensino universitario-, céntranse en impartir unha boa
docencia e investigación. Entendendo por docencia aprender a pensar, isto é, estimular a capacidade de análise e de síntese temáticas para poder
interrelacionalas entre si, preparando así ao alumnado que se vai incorporar
a unha sociedade e mercado de traballo competitivos e a cada vez máis mutantes.
Todos sabemos que a UVIGO non é maioritariamente tecnolóxica, pois o 53% dos títulos emitidos desde a súa creación son do ámbito Xurídico-Social e apenas o 23% do Tecnolóxico. Ao igual
que as do resto do Estado, é endogámica no tocante ao lugar de orixe do seu alumnado, pois apenas o 0,6% procede de países estranxeiros (96,7% é de
Galicia e o 83,2% procede das provincias de Ourense e Pontevedra). É
feminina, pois concluíron os estudos máis mulleres (61,7%) que homes
(38,3%).
A oferta académica da UVIGO no curso
2015-16 era de 112 títulos entre Graos, Mestrados, Títulos propios e titulacións
en fase de extinción. Máis recentemente, no curso 2016-17, eran 52 Graos,
54 Mestrados e 38 Titulacións en extinción. En relación cos Mestrados, estes
alcanzan o seu máximo número (75) no curso 2011-12, cifra que no 2014-15 tombou para 53. Así sendo, foron moitos, e de curta duración. Os
Mestrados alastraron nos últimos anos coincidindo co pior período da crise económica debido, por un lado, ás elevadas taxas de desemprego, e, por
outro, como unha vía complementar de financiamento da universidade perante os cortes económicos públicos.
Con estes antecedentes, conscientes de que
para o deseño de políticas universitarias realistas é preciso coñecermos a
opinión que proporcionan as persoas tituladas sobre a formación
recibida, mercado de traballo e empregabilidade, o Observatorio de Egresados propúxose como obxectivo realizar unha macro enquisa ao antigo alumnado da UVIGO
sobre “como lle foi na súa vida profesional”; ou sexa, abordando aspectos
fulcrais como o tempo de procura de emprego, lugar de traballo, antigüidade no posto de traballo, modalidade de contratación e tipo de contrato, categoría
profesional, rama de actividade, tamaño de empresa, especialidade, relación do
traballo actual cos estudos realizados,... Igualmente, tamén serviu para
coñecer o grao de dispoñibilidade do antigo alumnado a colaborar e manter
o contacto coa UVIGO.
Facendo unha comparanza coa fabricación de automóbiles, da misma forma que resultaría incompresíbel que unha marca automobilística non fixese un seguimento a un determinado modelo de vehículo unha vez saído por
primeira vez ao mercado, no caso das persoas tituladas resulta lóxico que a universidade emisora do título se interese cos aspectos da docencia que sobraron ou faltaron, ben como a formación adicional que tiveron que
adquirir para a súa inserción profesional. Na recente confrontación eleitoral
na UVIGO esta temática non foi obxecto de debate específico ao non contar aínda cos datos que figuran no libro que agora se presenta.
Este estudo é a continuación dun anterior publicado polo Consello Social en 2017 que presenta o ADN dos
egresados/as no momento de concluír os seus estudos.
Estes dous estudos concluirán coa
realización dunha ficha persoal coa información recollida de cada persoa
titulada que participou nesta iniciativa do Observatorio de Egresados e que
estará a disposición tanto do Consello Social como da Reitoría para
establecer ligazóns entre as diferentes instancias académicas (Departamentos,
Centros) e os egresados/as en temáticas e obxectivos comúns.
En relación co traballo que se presenta, trátase dun estudo pioneiro no sistema universitario español, pois abarca
unha análise da inserción laboral das persoas tituladas desde o inicio
da actividade da UVIGO no curso 1989-90 até o 2014-15. Representa os primeiros 25 anos da vida desta institución e permite comparar métodos
de ensino e aprendizaxe, as exixencias cambiantes do mercado de traballo e as actividades profesionais segundo o perfil adquirido. O seu obxectivo reside en
valorar a utilidade dos coñecementos proporcionados pola UVIGO, para alén de
constatar a dispoñibilidade das personas tituladas a colaborar coa súa alma mater, ben como as relacións entre mercado de traballo e formación recibida.
Por outra parte, o cuestionario enviado
incorporaba unha pregunta aberta na que os egresados/as podían relatar as súas vivencias persoais sobre a titulación que estudaron. Así sendo, este estudo
visa representar a historia da UVIGO através dos seus egresados/as desde
1990 a 2015.
Para un mellor seguimento deste volumoso
traballo, a seguir detállanse os aspectos máis sobranceiros, sinalando os anexos que serven para os complementar.
Segundo o exposto anteriormente, pormenorízanse os seguintes apartados:
1. DATOS PERSOAIS
1.1 Titulacións con máis egresados/as
Maxisterio (8,1%), Enxeñaría Técnica
Industrial (7,1%), Enxeñaría Industrial (6,3%), Licenciatura en Administración e Dirección de Empresas (5,9%).
O apartado 3.7 da Parte II mostra a distribución de
titulacións (agrupadas segundo a súa tipoloxía) existente na poboación e na mostra obtida. O Anexo 16 mostra a distribución porcentual da mostra
por titulacións e campus.
1.2 Ámbitos académicos
Predomina o Xurídico-Social (45%), seguido
polo Tecnolóxico (29%), Arte e Humanidades (11%), Científico (9%) e Ciencias
da Saúde (5%).
Ao longo do período avaliado desce o
Xurídico-social (58-38%) e sobe o Tecnolóxico (18-32%)
O Anexo 13 mostra a evolución anual da mostra
obtida por ámbitos académicos.
1.3 Tipoloxía de estudos
Metade dos egresados/as realizou titulacións de ciclo longo (48%) contra o 34% de ciclo curto. O resto distribúese entre Graos (11%), Mestrados (6%) e outros.
Coa entrada en vigor da Reforma de
Boloña constátase unha diminución das titulacións de ciclo longo.
O Anexo 14 mostra a evolución anual da mostra
obtida por tipoloxía de titulación.
1.4 Titulación adicional
O 22% dos egresados/as completou unha
titulación adicional ao título principal referido na enquisa (o 40% completouno na UVIGO, o 28% noutra universidade galega).
O Anexo 19 mostra máis detalladamente, para cada
titulación, a distribución do tipo de titulación adicional completada. Os
Anexos 18 e 21 mostran, respectivamente, por titulacións as persoas
tituladas que completaron unha titulación adicional e a universidade en que obtivo. Máis detalladamente, para cada titulación, o Anexo 22 mostra a
titulación adicional completada con indicación da universidade de
procedencia.
1.5 Formación complementar de posgrao
- O 45% dos egresados/as posúe un Mestrado e/ou curso de posgrao.
- O 48% completou este tipo de formación na UVIGO, o 20% noutra universidade española, non galega).
O Anexo 24 mostra a porcentaxe de persoas tituladas
que completaron formación de posgrao por titulacións. Máis concretamente,
para cada titulación, o Anexo 27 mostra a formación complementar de
posgrao ofertada pola UVIGO.
- Un 6% realizou mestrados da UVIGO como
titulación principal logo de terse titulado noutras universidades. A
maioría procedía doutra universidade galega (49%) ou española (27%).
O Anexo 32 mostra a universidade de procedencia das
personas que viñeron realizar mestrados da UVIGO. Máis detalladamente, o Anexo 33
mostra as titulacións previamente completadas dese alumnado.
1.6 Doutoramento
O 5% das personas tituladas completou un
doutoramento.
Por titulacións, destacan Química (29%),
Ciencias do Mar (28%) e Bioloxía (25%). A maioría (74%) doutorouse na UVIGO.
O Anexo 29 mostra, por titulacións, as personas
tituladas que obtiveron un título de doutoramento.
2. SITUACIÓN SOCIO-LABORAL
O 74 % traballaba por conta allea, o 9% por
conta propia, o 12% procuraba emprego e un 3,3% continuaba os seus estudos.
A evolución anual da actividade actual é analizada a
nivel global e por ámbitos académicos nos Anexos 34 e 36, respectivamente.
Os Anexos 38, 40, 41 e 44 mostran, respectivamente, a actividade actual segundo titulacións, ben como a das persoas residentes nos municipios
galegos, noutras Comunidades Autónomas e en países estranxeiros.
3. TAXA DE OCUPACIÓN
- Traballa o 83,5% das persoas inquiridas (88,1%
para os homes; 80,2% para as mulleres).
- Máis taxa de ocupación en enxeñarías
superiores (93%) e enxeñarías técnicas (89%).
Os Anexos 48 e 52 mostran, respectivamente, a evolución
anual da taxa de ocupación segundo ámbitos académicos e por lugar de
residencia. Os Anexos 50 e 55 presentan a taxa de ocupación por titulacións
e entre os residentes nos países estranxeiros, respectivamente.
4. CARACTERÍSTICAS DO EMPREGO ACTUAL
4.1 Lugar de traballo
-Galicia: 76% (55% nas sedes dos tres
Campus e o 63% na provincia de Pontevedra).
-Fóra de Galicia: 23,4% (13,3% noutras Comunidades Autónomas e 10,1% no resto do mundo).
-Por
continentes: Europa (75%), América (19%), Asia (3,5%), África (1,1%), Oceanía
(1%).
-
Ámbitos académicos: Científico (36,9%), Arte e Humanidades (33,0%), Tecnolóxico
(28,7%), Xurídico Social (16,0%) e Ciencias da Saúde (16,0%).
-Tipoloxía
de estudos: As titulacións de ciclo longo presentan unha mobilidade xeográfica
superior ás de curto.
-Fóra de España, os principais países son:
Reino Unido (21%), Alemaña (14%) e Portugal (9%).
-Ao longo do período avaliado prodúcese un descenso constante da proporción de persoas tituladas da UVIGO que traballan
en Galicia, pasando desde o 86,5% (quinquenio 1990-95) ao 70,5% (quinquenio
2011-15). En relación aos que traballan noutras CA, as porcentaxes aumentan
desde o 9,8% (quinquenio 1990-95) ao 15,5% (quinquenio 2006-10), constatándose
que no quinquenio 2011-15 era do 13,5%, porcentaxe superada polos que
traballaban no estranxero (16%) que, eran só do 3,7% no período
1990-95.
Os Anexos 71 e 73 mostran, respectivamente, a
evolución anual do lugar de traballo de forma global e por ámbitos académicos.
Por ámbitos académicos, os anexos 74 e 77 mostran o lugar de traballo nas
Comunidades Autónomas e países estranxeiros, respectivamente. Por titulacións, os Anexos 80, 81 e 82 mostran, respectivamente, o lugar de traballo a nivel global,
nas Comunidades Autónomas e países estranxeiros. A seguinte imaxe (Apéndice do libro) mostra un mapa
indicando o lugar de traballo fóra de Galicia das persoas tituladas da
UVIGO.
4.2 Modalidade de contratación e tipo de contrato
O 88% traballa por conta allea e o 12% por
conta propia. O 60% dispuña de contrato indefinido e o 22% con contratos
temporais.
O Anexo 94 mostra a modalidade de contratación e o
tipo de contrato por conta allea segundo a titulación. Os Anexos 96 e 98
mostran, respectivamente, o tipo de contrato na empresa privada e na función
pública por titulacións. O Anexo 100 mostra, por titulacións, a modalidade de traballo das persoas que traballan como autoemprego.
4.3 Rama de actividade
- O 66% traballa en empresas de ámbito privado,
o 29% en entidades ou institucións de ámbito público e o 6% en entidades non lucrativas (Fundacións, Asociacións, ONGs,…).
- Traballan en empresas ou institucións
privadas os egresados/as do ámbito tecnolóxico (78%), a porcentaxe máis alta,
mentres que os do científico (45%) e de Ciencias da Saúde (37%)
son os de menos porcentaxe.
Os Anexos 102, 103, 104 e 105 mostran a rama de
actividade por titulacións, nos municipios galegos, provincias españolas e
países estranxeiros, respectivamente.
4.4 Categoría profesional
- O coñecemento da categoría profesional
do emprego que a persoa titulada proporciona é dunha información relevante
sobre a calidade do traballo desenvolvido. Unha maioría (63%) realiza
responsabilidades de técnicos/as cualificados. Un 20% son mandos intermedios e
un 11% directivos/as. Un 8% manifestou desenvolver o seu traballo como empregados/as non cualificados.
- Os sectores con máis presenza de titulados/as con
categorías profesionales consoante aos títulos universitarios obtidos
(directivos, mandos intermedios e técnicos cualificados) son o xurídico
(100,0%), minaría (98,2%), aeronáutica (97,6%), telecomunicacións (97,5%),
servizos informáticos (97,3%), metalúrxico e eléctrico (96,7%), automoción
(96,3%) e sanidade privada (95,9%).
O Anexo 127 mostra a categoría profesional por
titulacións (%).
4.5 Tamaño da empresa
- Entre 1-10 empregados (microempresas)
traballan os 18,5%, entre 11-50 empregados (pequena empresa) o 15,0%, entre
51-250 empregados (empresa media) o 14,3% e con máis de 250 empregados (grande empresa) o 52,2%.
- A maioría de persoas tituladas nos
ámbitos das Ciencias da Saúde, Científico e Tecnolóxico traballan en
empresas de grande tamaño (74,2%, 60,4% e 57,4% respectivamente).
- As empresas de grande tamaño son
maioritarias entre as persoas que trabajan noutras Comunidades Autónomas (67,0 %) e no resto do mundo (64,6%) contra o 48,1% de Galicia.
O Anexo 132 mostra o tamaño da empresa segundo a titulación
(%).
5. VALORACIÓN DO POSTO DE TRABALLO ACTUAL
5.1 Relación do traballo actual cos estudos realizados
- O 75% afirma que o seu traballo está
relacionado cos estudos realizados na UVIGO. Polo contrario, un 14% referiu que o seu
emprego actual ten pouca relación cos seus estudios e un 11% que non ten relación.
- A relación entre o traballo actual e os
estudos realizados, por ámbitos, segue a seguinte secuencia: Ciencias da
Saúde (94%), Tecnolóxico (78%), Xurídico-Social (73%), Científico (72%) e Arte
e Humanidades (67%).
- Os directivos/as (80,4%) e os técnicos/as
cualificados (78,6%) son as categorías profesionais que mostran máis relación entre o seu posto de traballo actual e os estudos realizados.
O Anexo 136 mostra, por titulacións, a relación do
traballo actual cos estudos realizados.
5.2 Relación do traballo actual co nivel académico adquirido na
UVIGO
- O 70,1% realiza un traballo adecuado á súa cualificación. Para o 22,4% as exixencias do seu emprego actual son inferiores ao
nivel académico adquirido (sobrecualificación). O 7,5% admite que as
exixencias do seu traballo actual son superiores ao nível de formación.
- A sobrecualificación é máis alta nos
ámbitos Xurídico-Social (28%) e de Arte e Humanidades (25%) que nas Ciencias da Saúde (5%).
O Anexo 139 mostra, por titulacións, a relación do
traballo actual co nivel académico adquirido na UVIGO.
6. ANÁLISE DAS RESPOSTAS Á PREGUNTA ABERTA
6.1 Valoracións globais
O profesorado ten de saber comunicar, implicar o alumno e xestionar. En determinadas titulacións o docente debería ter tido unha relación directa co mundo do traballo, pois nalgunhas actividades profesionais é conveniente coñecelas previamente. Ao concluír os seus estudos teñen coñecementos teóricos, mais fáltanlles outros como traballo en equipo. dominio do inglés, ben como a inexistencia dunha información laboral e, en moitos casos, non moita relación existente entre o estudado e as necesidades do mercado de traballo, nomeadamente na procura do primeiro emprego.
6.2 Valoracións por ámbitos académicos
-
Tecnolóxico: Solicitan máis equilibrio entre
contidos teóricos e prácticos; isto é, máis aplicación da teoría ao
mundo do traballo. Iniciar as prácticas profesionais ao mesmo tempo que os
estudios, cunha alternancia coherente entre traballo teórico nas aulas, o
estudo e a práctica en empresas. Ofrecer información sobre posíbeis saídas profesionais. Oferta de auténticos Mestrados profesionalizantes.
- Científico: Máis sinerxias entre a
titulación e as empresas para desenvolver investigación. Máis focaxe empresarial en consonancia coa realidade do traballo e que no só sexa unha
titulación de orientación teórica focada á investigación.
-
Arte e Humanidades: Non teñen viabilidade os
coñecementos adquiridos mentres non se apliquen con precisión e para iso é precisa a práctica. Máis orientación cara o mundo laboral. Os Mestrados deberían ter unha orientación práctica e profesionalmente para mellorar as
posibilidades de emprego.
- Xurídico-Social: Existen desaxustes entre
coñecementos teóricos e prácticos, demandando menos carga teórica. Máis información sobre o mercado de traballo e o tecido empresarial galego. Os
contidos das materias e o ensino deben achegarse ás necesidades da realidade social. Incrementar os encontros con egresados/as.
-
Ciencias da Saúde: Máis cursos de
especialización. Máis integración entre teoría e práctica nos estudios.
6.3 Mestrados universitarios
Encontran deficiencias na súa formulación, no tocante aos seus contidos de perfil pouco profesional. Demandan revisar a proporción entre teoría e práctica nas materias, que deben ser novas e elaboradas de forma específica para o curso e destinadas á consecución duns obxectivos concretos e non unha simples extensión das cursadas dentro da titulación. Deben colaborar profesionais externos que acheguen coñecemento directo das empresas. A docencia debe estar máis orietada ao mundo profesional, ás procuras do mercado. En definitiva, o Mestrado universitario debe ser deseñado para o acceso profesional.