A Universidade de La Laguna acaba de organizar estes dias o XXIº Encontro Estatal das asociacións de antigos alumnos e amigos das universidades españolas no que se revisou o papel destas entidades, afondando na súa relación cos Consellos Sociais e establecer novas liñas de actuación. Durante a sesión de abertura reivindicouse o papel dos antigos alumnos como as persoas que conectan a Universidade coa sociedade.
Ernesto Pedrosa, Presidente do Consello Social da Universidade de Vigo, afirmou que os Alumni non son só mecenado ou influencia, senón o mais valioso instrumento de conexión coa sociedade, e que se trata dunha causa compartida. Destacou a creación dun Observatorio de Egresados na UVIGO, localizando todos e cada un dos titulados desta universidade, estudando as súas traxectorias académicas e especialización profesional. Trátase de coñecer de primeira man quen son os antigos alumnos e onde están, para poder interactuar con eles.