Páxinas

luns, 17 de setembro de 2018

ESTUDO SOBRE A SITUACIÓN PROFESIONAL DAS PERSOAS TITULADAS DA UVIGO ENTRE 1990 E 2015

Intervención de Luis Espada, director do Observatorio de Egresados, no acto de presentación do estudo

Luis Espada e Víctor M. Martínez Cacharrón durante a presentación do estudo

Os dous principais, -e para min únicos obxectivos do ensino universitario-, céntranse en impartir unha boa docencia e investigación. Entendendo por docencia aprender a pensar, isto é, estimular a capacidade de análise e de síntese temáticas para poder interrelacionalas entre si, preparando así ao alumnado que se vai incorporar a unha sociedade e mercado de traballo competitivos e a cada vez máis mutantes.

Todos sabemos que a UVIGO non é maioritariamente tecnolóxica, pois o 53% dos títulos emitidos desde a súa creación son do ámbito Xurídico-Social e apenas o 23% do Tecnolóxico. Ao igual que as do resto do Estado, é endogámica no tocante ao lugar de orixe do seu alumnado, pois apenas o 0,6% procede de países estranxeiros (96,7% é de Galicia e o 83,2% procede das provincias de Ourense e Pontevedra). É feminina, pois concluíron os estudos máis mulleres (61,7%) que homes (38,3%).

A oferta académica da UVIGO no curso 2015-16 era de 112 títulos entre Graos, Mestrados, Títulos propios e titulacións en fase de extinción. Máis recentemente, no curso 2016-17, eran 52 Graos, 54 Mestrados e 38 Titulacións en extinción. En relación cos Mestrados, estes alcanzan o seu máximo número (75) no curso 2011-12, cifra que no 2014-15 tombou para 53. Así sendo, foron moitos, e de curta duración. Os Mestrados alastraron nos últimos anos coincidindo co pior período da crise económica debido, por un lado, ás elevadas taxas de desemprego, e, por outro, como unha vía complementar de financiamento da universidade perante os cortes económicos públicos.


Con estes antecedentes, conscientes de que para o deseño de políticas universitarias realistas é preciso coñecermos a opinión que proporcionan as persoas tituladas sobre a formación recibida, mercado de traballo e empregabilidade, o Observatorio de Egresados propúxose como obxectivo realizar unha macro enquisa ao antigo alumnado da UVIGO sobre “como lle foi na súa vida profesional”; ou sexa, abordando aspectos fulcrais como o tempo de procura de emprego, lugar de traballo, antigüidade no posto de traballo, modalidade de contratación e tipo de contrato, categoría profesional, rama de actividade, tamaño de empresa, especialidade, relación do traballo actual cos estudos realizados,... Igualmente, tamén serviu para coñecer o grao de dispoñibilidade do antigo alumnado a colaborar e manter o contacto coa UVIGO.

Facendo unha comparanza coa fabricación de automóbiles, da misma forma que resultaría incompresíbel que unha marca automobilística non fixese un seguimento a un determinado modelo de vehículo unha vez saído por primeira vez ao mercado, no caso das persoas tituladas resulta lóxico que a universidade emisora do título se interese cos aspectos da docencia que sobraron ou faltaron, ben como a formación adicional que tiveron que adquirir para a súa inserción profesional. Na recente confrontación eleitoral na UVIGO esta temática non foi obxecto de debate específico ao non contar aínda cos datos que figuran no libro que agora se presenta.

Este estudo é a continuación dun anterior publicado polo Consello Social en 2017 que presenta o ADN dos egresados/as no momento de concluír os seus estudos.


Estes dous estudos concluirán coa realización dunha ficha persoal coa información recollida de cada persoa titulada que participou nesta iniciativa do Observatorio de Egresados e que estará a disposición tanto do Consello Social como da Reitoría para establecer ligazóns entre as diferentes instancias académicas (Departamentos, Centros) e os egresados/as en temáticas e obxectivos comúns.

En relación co traballo que se presenta, trátase dun estudo pioneiro no sistema universitario español, pois abarca unha análise da inserción laboral das persoas tituladas desde o inicio da actividade da UVIGO no curso 1989-90 até o 2014-15. Representa os primeiros 25 anos da vida desta institución e permite comparar métodos de ensino e aprendizaxe, as exixencias cambiantes do mercado de traballo e as actividades profesionais segundo o perfil adquirido. O seu obxectivo reside en valorar a utilidade dos coñecementos proporcionados pola UVIGO, para alén de constatar a dispoñibilidade das personas tituladas a colaborar coa súa alma mater, ben como as relacións entre mercado de traballo e formación recibida.

Por outra parte, o cuestionario enviado incorporaba unha pregunta aberta na que os egresados/as podían relatar as súas vivencias persoais sobre a titulación que estudaron. Así sendo, este estudo visa representar a historia da UVIGO através dos seus egresados/as desde 1990 a 2015.

Para un mellor seguimento deste volumoso traballo, a seguir detállanse os aspectos máis sobranceiros, sinalando os anexos que serven para os complementar.

Segundo o exposto anteriormente, pormenorízanse os seguintes apartados:

1. DATOS PERSOAIS

1.1 Titulacións con máis egresados/as
Maxisterio (8,1%), Enxeñaría Técnica Industrial (7,1%), Enxeñaría Industrial (6,3%), Licenciatura en Administración e Dirección de Empresas (5,9%).

O apartado 3.7 da Parte II mostra a distribución de titulacións (agrupadas segundo a súa tipoloxía) existente na poboación e na mostra obtida. O Anexo 16 mostra a distribución porcentual da mostra por titulacións e campus.

1.2 Ámbitos académicos
Predomina o Xurídico-Social (45%), seguido polo Tecnolóxico (29%), Arte e Humanidades (11%), Científico (9%) e Ciencias da Saúde (5%).
Ao longo do período avaliado desce o Xurídico-social (58-38%) e sobe o Tecnolóxico  (18-32%)

O Anexo 13 mostra a evolución anual da mostra obtida por ámbitos académicos.


1.3 Tipoloxía de estudos
Metade dos egresados/as realizou titulacións de ciclo longo (48%) contra o 34% de ciclo curto. O resto distribúese entre Graos (11%), Mestrados (6%) e outros.

Coa entrada en vigor da Reforma de Boloña constátase unha diminución das titulacións de ciclo longo.

O Anexo 14 mostra a evolución anual da mostra obtida por tipoloxía de titulación.

1.4 Titulación adicional
O 22% dos egresados/as completou unha titulación adicional ao título principal referido na enquisa (o 40% completouno na UVIGO, o 28% noutra universidade galega).

O Anexo 19 mostra máis detalladamente, para cada titulación, a distribución do tipo de titulación adicional completada. Os Anexos 18 e 21 mostran, respectivamente, por titulacións as persoas tituladas que completaron unha titulación adicional e a universidade en que obtivo. Máis detalladamente, para cada titulación, o Anexo 22 mostra a titulación adicional completada con indicación da universidade de procedencia.

1.5 Formación complementar de posgrao
- O 45% dos egresados/as posúe un Mestrado e/ou curso de posgrao.
- O 48% completou este tipo de formación na UVIGO, o 20% noutra universidade española, non galega).

O Anexo 24 mostra a porcentaxe de persoas tituladas que completaron formación de posgrao por titulacións. Máis concretamente, para cada titulación, o Anexo 27 mostra a formación complementar de posgrao ofertada pola UVIGO.

- Un 6% realizou mestrados da UVIGO como titulación principal logo de terse titulado noutras universidades. A maioría procedía doutra universidade galega (49%) ou española (27%).

O Anexo 32 mostra a universidade de procedencia das personas que viñeron realizar mestrados da UVIGO. Máis detalladamente, o Anexo 33 mostra as titulacións previamente completadas dese alumnado.

1.6 Doutoramento
O 5% das personas tituladas completou un doutoramento.
Por titulacións, destacan Química (29%), Ciencias do Mar (28%) e Bioloxía (25%). A maioría (74%) doutorouse na UVIGO.

O Anexo 29 mostra, por titulacións, as personas tituladas que obtiveron un título de doutoramento.



2. SITUACIÓN SOCIO-LABORAL
O 74 % traballaba por conta allea, o 9% por conta propia, o 12% procuraba emprego e un 3,3% continuaba os seus estudos.

A evolución anual da actividade actual é analizada a nivel global e por ámbitos académicos nos Anexos 34 e 36, respectivamente. Os Anexos 38, 40, 41 e 44 mostran, respectivamente, a actividade actual segundo titulacións, ben como a das persoas residentes nos municipios galegos, noutras Comunidades Autónomas e en países estranxeiros.


3. TAXA DE OCUPACIÓN
- Traballa o 83,5% das persoas inquiridas (88,1% para os homes; 80,2% para as mulleres).
- Máis taxa de ocupación en enxeñarías superiores (93%) e enxeñarías técnicas (89%).

Os Anexos 48 e 52 mostran, respectivamente, a evolución anual da taxa de ocupación segundo ámbitos académicos e por lugar de residencia. Os Anexos 50 e 55 presentan a taxa de ocupación por titulacións e entre os residentes nos países estranxeiros, respectivamente.

4. CARACTERÍSTICAS DO EMPREGO ACTUAL

4.1 Lugar de traballo
-Galicia: 76% (55% nas sedes dos tres Campus e o 63% na provincia de Pontevedra).
-Fóra de Galicia: 23,4% (13,3% noutras Comunidades Autónomas e 10,1% no resto do mundo).
-Por continentes: Europa (75%), América (19%), Asia (3,5%), África (1,1%), Oceanía (1%).
- Ámbitos académicos: Científico (36,9%), Arte e Humanidades (33,0%), Tecnolóxico (28,7%), Xurídico Social (16,0%) e Ciencias da Saúde (16,0%).
-Tipoloxía de estudos: As titulacións de ciclo longo presentan unha mobilidade xeográfica superior ás de curto.
-Fóra de España, os principais países son: Reino Unido (21%), Alemaña (14%) e Portugal (9%).
-Ao longo do período avaliado prodúcese un descenso constante da proporción de persoas tituladas da UVIGO que traballan en Galicia, pasando desde o 86,5% (quinquenio 1990-95) ao 70,5% (quinquenio 2011-15). En relación aos que traballan noutras CA, as porcentaxes aumentan desde o 9,8% (quinquenio 1990-95) ao 15,5% (quinquenio 2006-10), constatándose que no quinquenio 2011-15 era do 13,5%, porcentaxe superada polos que traballaban no estranxero (16%) que, eran só do 3,7% no período 1990-95.

Os Anexos 71 e 73 mostran, respectivamente, a evolución anual do lugar de traballo de forma global e por ámbitos académicos. Por ámbitos académicos, os anexos 74 e 77 mostran o lugar de traballo nas Comunidades Autónomas e países estranxeiros, respectivamente. Por titulacións, os Anexos 80, 81 e 82 mostran, respectivamente, o lugar de traballo a nivel global, nas Comunidades Autónomas e países estranxeiros. A seguinte imaxe (Apéndice do libro) mostra un mapa indicando o lugar de traballo fóra de Galicia das persoas tituladas da UVIGO.


4.2 Modalidade de contratación e tipo de contrato
O 88% traballa por conta allea e o 12% por conta propia. O 60% dispuña de contrato indefinido e o 22% con contratos temporais.

O Anexo 94 mostra a modalidade de contratación e o tipo de contrato por conta allea segundo a titulación. Os Anexos 96 e 98 mostran, respectivamente, o tipo de contrato na empresa privada e na función pública por titulacións. O Anexo 100 mostra, por titulacións, a modalidade de traballo das persoas que traballan como autoemprego.

4.3 Rama de actividade
- O 66% traballa en empresas de ámbito privado, o 29% en entidades ou institucións de ámbito público e o 6% en entidades non lucrativas (Fundacións, Asociacións, ONGs,…).
- Traballan en empresas ou institucións privadas os egresados/as do ámbito tecnolóxico (78%), a porcentaxe máis alta, mentres que os do científico (45%) e de Ciencias da Saúde (37%) son os de menos porcentaxe.

Os Anexos 102, 103, 104 e 105 mostran a rama de actividade por titulacións, nos municipios galegos, provincias españolas e países estranxeiros, respectivamente.

4.4 Categoría profesional
- O coñecemento da categoría profesional do emprego que a persoa titulada proporciona é dunha información relevante sobre a calidade do traballo desenvolvido. Unha maioría (63%) realiza responsabilidades de técnicos/as cualificados. Un 20% son mandos intermedios e un 11% directivos/as. Un 8% manifestou desenvolver o seu traballo como empregados/as non cualificados.
- Os sectores con máis presenza de titulados/as con categorías profesionales consoante aos títulos universitarios obtidos (directivos, mandos intermedios e técnicos cualificados) son o xurídico (100,0%), minaría (98,2%), aeronáutica (97,6%), telecomunicacións (97,5%), servizos informáticos (97,3%), metalúrxico e eléctrico (96,7%), automoción (96,3%) e sanidade privada (95,9%).

O Anexo 127 mostra a categoría profesional por titulacións (%).

4.5 Tamaño da empresa
- Entre 1-10 empregados (microempresas) traballan os 18,5%, entre 11-50 empregados (pequena empresa) o 15,0%, entre 51-250 empregados (empresa media) o 14,3% e con máis de 250 empregados (grande empresa) o 52,2%.
- A maioría de persoas tituladas nos ámbitos das Ciencias da Saúde, Científico e Tecnolóxico traballan en empresas de grande tamaño (74,2%, 60,4% e 57,4% respectivamente).
- As empresas de grande tamaño son maioritarias entre as persoas que trabajan noutras Comunidades Autónomas (67,0 %) e no resto do mundo (64,6%) contra o 48,1% de Galicia.

O Anexo 132 mostra o tamaño da empresa segundo a titulación (%).



5. VALORACIÓN DO POSTO DE TRABALLO ACTUAL

5.1 Relación do traballo actual cos estudos realizados
- O 75% afirma que o seu traballo está relacionado cos estudos realizados na UVIGO. Polo contrario, un 14% referiu que o seu emprego actual ten pouca relación cos seus estudios e un 11% que non ten relación.
- A relación entre o traballo actual e os estudos realizados, por ámbitos, segue a seguinte secuencia: Ciencias da Saúde (94%), Tecnolóxico (78%), Xurídico-Social (73%), Científico (72%) e Arte e Humanidades (67%).
- Os directivos/as (80,4%) e os técnicos/as cualificados (78,6%) son as categorías profesionais que mostran máis relación entre o seu posto de traballo actual e os estudos realizados.

O Anexo 136 mostra, por titulacións, a relación do traballo actual cos estudos realizados.

5.2 Relación do traballo actual co nivel académico adquirido na UVIGO
- O 70,1% realiza un traballo adecuado á súa cualificación. Para o 22,4% as exixencias do seu emprego actual son inferiores ao nivel académico adquirido (sobrecualificación). O 7,5% admite que as exixencias do seu traballo actual son superiores ao nível de formación.

- A sobrecualificación é máis alta nos ámbitos Xurídico-Social (28%) e de Arte e Humanidades (25%) que nas Ciencias da Saúde (5%).

O Anexo 139 mostra, por titulacións, a relación do traballo actual co nivel académico adquirido na UVIGO.


6. ANÁLISE DAS RESPOSTAS Á PREGUNTA ABERTA

6.1 Valoracións globais
O profesorado ten de saber comunicar, implicar o alumno e xestionar. En determinadas titulacións o docente debería ter tido unha relación directa co mundo do traballo, pois nalgunhas actividades profesionais é conveniente coñecelas previamente. Ao concluír os seus estudos teñen coñecementos teóricos, mais fáltanlles outros como traballo en equipo. dominio do inglés, ben como a inexistencia dunha información laboral e, en moitos casos, non moita relación existente entre o estudado e as necesidades do mercado de traballo, nomeadamente na procura do primeiro emprego.

6.2 Valoracións por ámbitos académicos
-        Tecnolóxico: Solicitan máis equilibrio entre contidos teóricos e prácticos; isto é, máis aplicación da teoría ao mundo do traballo. Iniciar as prácticas profesionais ao mesmo tempo que os estudios, cunha alternancia coherente entre traballo teórico nas aulas, o estudo e a práctica en empresas. Ofrecer información sobre posíbeis saídas profesionais. Oferta de auténticos Mestrados profesionalizantes.
-   Científico: Máis sinerxias entre a titulación e as empresas para desenvolver investigación. Máis focaxe empresarial en consonancia coa realidade do traballo e que no só sexa unha titulación de orientación teórica focada á investigación.
-        Arte e Humanidades: Non teñen viabilidade os coñecementos adquiridos mentres non se apliquen con precisión e para iso é precisa a práctica. Máis orientación cara o mundo laboral. Os Mestrados deberían ter unha orientación práctica e profesionalmente para mellorar as posibilidades de emprego.
-    Xurídico-Social: Existen desaxustes entre coñecementos teóricos e prácticos, demandando menos carga teórica. Máis información sobre o mercado de traballo e o tecido empresarial galego. Os contidos das materias e o ensino deben achegarse ás necesidades da realidade social. Incrementar os encontros con egresados/as.
-        Ciencias da Saúde: Máis cursos de especialización. Máis integración entre teoría e práctica nos estudios.

6.3 Mestrados universitarios
Encontran deficiencias na súa formulación, no tocante aos seus contidos de perfil pouco profesional. Demandan revisar a proporción entre teoría e práctica nas materias, que deben ser novas e elaboradas de forma específica para o curso e destinadas á consecución duns obxectivos concretos e non unha simples extensión das cursadas dentro da titulación. Deben colaborar profesionais externos que acheguen coñecemento directo das empresas. A docencia debe estar máis orietada ao mundo profesional, ás procuras do mercado. En definitiva, o Mestrado universitario debe ser deseñado para o acceso profesional.