Páxinas

xoves, 15 de decembro de 2016

MEMORIA ANO 2015 DO CONSELLO SOCIAL

A seguir reprodúcese o apartado relativo ao Observatorio de Egresados que aparece no Resumo de Actividades da Memoria do ano 2015 do Consello Social da Universidade de Vigo.

O Consello Social promove a localización e identificación dos egresados da Universidade de Vigo desde 1990, cando abriu as súas portas. Un laborioso, esixente e transcendental traballo de miles de horas que levan a cabo Luis Espada (que fora o primeiro Reitor da UVigo) e o profesor  Víctor Manuel Martínez Cacharrón. Entre os primeiros datos obtidos, o estudo anticipa que o 20% dos egresados reside fóra de Galicia e que o 95% dos que están no estranxeiro traballa en ámbitos da súa profesión, e o 9% ocupa postos directivos. En termos xerais, o 79% dos titulados acadou un emprego, o 62% como técnicos cualificados e o 20% como mandos intermedios.

Tamén son obxectivos do estudo saber se aos egresados custoulles atopar traballo, en canto tempo o conseguiron e cales foron as materias máis útiles na súa carreira. Na primeira fase do estudo foron localizados e identificados 3.000 ex-alumnos, pertencentes ás promocións de 2005 a 2010, que conforman a base inicial de datos e que deron o seu consentimento para recibir informacións da Universidade de Vigo.

Actualmente investígase nas promocións anteriores, ata 1990. En total, entre 1990 e 2005, o número de egresados dos que se busca información supera ás 43.000 persoas tituladas, ás que se tenta localizar mediante chamadas, cartas ou e-mails, marcándose como obxectivo acadar unha base de datos que acolla entre 9.000 e 10.000 egresados no prazo 2015-2017.

Este proxecto xorde co propósito de dotar á Universidade de Vigo dunha unidade responsable responsable de levar a cabo a estratexia de seguimento das persoas tituladas e de coordinar todo o relativo ao antigo alumnado.

Configúrase como un Observatorio permanente para consolidar os vínculos cos antigos alumnos a partir do estudo das súas traxectorias e situación laboral, coa finalidade de dispor dunha información actualizada, fiable e útil para a toma de decisións no ámbito da Universidade.

Este Observatorio sería o encargado de estreitar a vinculación entre a universidade e aqueles que se forman nela. É unha necesidade que fomenta, favorece e mantén a comunicación e vinculación constante con eles, reforzando a súa pertenza á institución.

OBXECTIVOS:

Ofrecer á Universidade de Vigo información oportuna e veraz relacionada cos seus titulados a partir dun programa continuado de seguimento e actualización da información. 

Recompilar, xerar e difundir información relevante sobre o proceso de inserción profesional das persoas tituladas da Universidade de Vigo.

FUNCIÓNS:

Elaboración e realización de estudos e enquisas de seguimento de egresados.

Planificar e encamiñar a información institucional ao colectivo de egresados.

Crear e consolidar unha base de datos actualizada por ano de promoción con todos os titulados das diferentes titulacións da Universidade de Vigo.

Elaboración e difusión de informes de inserción laboral que permitan realizar un seguimento permanente da evolución do titulado e a súa proxección profesional.

Establecer estratexias de participación e apoiar na realización de eventos académicos, divulgativos, sociais e culturais, nosque se integren as persoas titulados coas temáticas que sexan consideradas de interese.

Dar seguimento e apoio aos egresados en todo o relativo aos campos laboral e no académico.

Articular, en coordinación cos centros, titulacións e/ou departamentos, as actividades de extensión e de formación permanente coas persoas egresadas.

Apoio e outras funcións da Vicerreitoría de Estudantes e/ou Consello Social. 
Sobre o Observatorio, o presidente do Consello Social, afirmou na súa presentación que se trata dunha achega determinante porque “enche un baleiro” que ten a universidade, e que sería especialmente útil para os alumnos actuais porque lles axudará a saber “en que, como e onde traballan os que pasaron antes polas aulas. Reflicte unha experiencia que permitirá anticipar o mundo laboral que agarda aos alumnos de hoxe”. Don Ernesto Pedrosa agradece a don Luis Espada o “valiosísimo estudo, porque é pioneiro é heroico”, e eloxia a “súa decidida e laboriosa inmersión para sacar á luz estas pezas imprescindibles para elaborar o mapa físico da eficiencia da nosa universidade”. Tras considerar, así mesmo, que é básico o contacto cos ex-alumnos “porque nos dan información para coñecer a actividade das ensinanzas que recibiron, e porque téndoos preto achegarán experiencia e recursos á universidade”.