Páxinas

xoves, 6 de xullo de 2017

PERSOAS TITULADAS DA UNIVERSIDADE DE VIGO ENTRE 1990 E 2015

Hoxe foi presentado o libro "71.487 persoas tituladas da Universidade de Vigo (1990-2015). Evolución da oferta académica" elaborado polo Observatorio de Egresados da Universidade de Vigo. 

Na presentación, que tivo lugar ás 11h na Sala de Xuntas da Reitoría, interviron Salustiano Mato, Reitor da Universidade de Vigo, Ernesto Pedrosa, Presidente do Consello Social (órgano promotor do estudo) e polos autores, Luis Espada, Profesor Emérito e Víctor M. Martínez Cacharrón, analista de datos do Observatorio de Egresados.

O estudo abranxe desde o inicio da Universidade de Vigo no curso 1989-1990 até o 2014-2015 e inclúe unha ampla análise do listado de todas as persoas tituladas por ámbitos académicos, ciclos de estudo (diplomaturas, licenciaturas, enxeñarías superiores e técnicas, graos, títulos propios e mestrados) e xéneros, así como a evolución e ciclo de vida da oferta académica, alén de afondar na procedencia das persoas egresadas. 

Na presentación de hoxe, o Reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, e o presidente do Consello Social, Ernesto Pedrosa, destacaron a importancia de contar cun traballo que achega un radiografía precisa do que é a institución, ao tempo que fortalece a relación coas súas egresadas e egresados. 

O informe cos resultados da enquisa realizada entre 2016-17 e centrado na situación académica e profesional das e dos titulados pola institución, e que ainda está a ser realizado nesta altura, será presentado dentro duns meses. Segundo avanzou o seu director, Espada, o antigo alumnado da UVIGO está espallado por 68 países dos cinco continentes, exercendo moitos deles profesións relacionadas cos seus estudos.


Resultados relevantes

- Nos seus primeiros 25 anos a Universidade de Vigo emitiu 83.330 títulos a 71.487 persoas, a maioría delas mulleres (61,7%) contra o 38,3% de homes.

- Estas dúas cifras non concordan debido a que un total de 9.770 persoas completaron varias titulacións, de maneira que a proporción entre títulos emitidos e persoas tituladas sexa de 1,150 (1,162 para homes e 1,146 para mulleres).

- O número de persoas tituladas por quinquenios experimentou unha tendencia xeral crecente, pasando das máis de 7500 no período 1989/90-1994/95 ás máis de 17.500 entre 2010/11-2014/15. 

- O número de títulos emitidos tamén experimentou un crecemento espectacular, pasando dos 7.950 do período 1989/90-1994/95 até chegar aos máis de 20.800 entre 2010/11-2014/15. 

Ámbitos académicos

- A maior parte dos títulos emitidos entre 1990-2015 corresponden ao ámbito xurídico-social (52,6%), seguido polo tecnolóxico (22,8%), arte e humanidades (8,2%), ciencias da saúde (7,2%) e científico (6,4%).

- A presenza feminina é maioritaria en todas as ramas do coñecemento, excepto na tecnolóxica, onde os homes representan o 71%. O predominio feminino fica patente nos ámbitos das ciencias da saúde (84%), arte e humanidades (76%), xurídico-social (69%) e científico (66%).

Lugar de procedencia

- Só o 0,6% do alumnado que finalizou os seus estudos na Universidade de Vigo procede de países estranxeiros. O 99,4% restante tiña a súa residencia en territorios do Estado español, procedendo de Galicia case o 97% e, en concreto das provincias de Ourense e Pontevedra, o 83,2%.

- Por municipios, un 50% das persoas tituladas proceden dos de Vigo (30,6%), Ourense (12%) e Pontevedra (6,2%), cidades onde están radicadas as sedes dos tres campus.

- As principais titulacións completadas polo alumnado galego foron a Diplomatura en Ciencias Empresariais, a Diplomatura en Enfermaría, Enxeñaría Industrial e Enxeñaría de Telecomunicación, mentres que no caso do alumnado procedente de fóra de Galicia destacan o estudos de Enxeñaría de Telecomunicación, Ciencias do Mar, Enxeñaría Industrial e Belas Artes.

Oferta académica

- No período avaliado a oferta académica da UVIGO pasou de 9 titulacións no curso 1989/90 (dúas licenciaturas completas, dúas enxeñarías superiores, catro diplomaturas, unha enxeñaría técnica industrial, así como primeiro curso dunha licenciatura e os primeiros ciclos de sete licenciaturas) a un total de 112 no curso 2014/15. 

- No derradeiro quinquenio de análise (2010/11-2014/15) completouse o proceso de adaptación da oferta académica ao Espazo Europeo de Educación Superior coa incorporación de 70 novas titulacións, que se sumaron ás xa existentes. “Chama a atención o feito de que en 25 anos de existencia se impartisen na Universidade 253 títulos. Nunca na historia da universidade houbo cambios tan profundos”, aseguraron Espada Recarey e Martínez Cacharrón.

Tipoloxía dos estudos

- A diplomatura é a tipoloxía maioritaria entre os anos 1990 ao 2015, cun 35,4% dos títulos emitidos, seguida polas licenciaturas (26,9%), mestrados (10,4%), enxeñarías técnicas (9,8%), enxeñarías superiores (9%) e graos (7,1%). 

- Mentres que os estudos de diplomatura foron diminuíndo de xeito progresivo, os títulos emitidos nas enxeñarías superiores foi en aumento. Os graos pasaron de ser o 2,5% no curso 2009-2010 ao 53% no 2014-2015. 

- As titulacións de ciclo curto (diplomaturas e enxeñarías técnicas) abarcan o 45% dos títulos emitidos contra o 43% de ciclo longo (licenciaturas e enxeñarías superiores).

- Polo número de títulos emitidos, entre os de ciclo curto destacan as diplomaturas de Maxisterio (14%), Ciencias Empresariais (8%), Enxeñaría Técnica Industrial (6%) e Enfermaría (5%). 

- Polo seu lado, no ciclo longo destacan a Licenciatura en Administración e Dirección de Empresas (5%), Enxeñaría Industrial (4%) e Enxeñaría de Telecomunicación (3%). 

Observatorio de Egresados

Coa publicación deste volume e co que verá a luz en próximos meses, ponse definitivamente en marcha o Observatorio de Egresados da Universidade de Vigo, un instrumento determinante para restablecer, nuns casos, e reforzar noutros, as relacións coas tituladas titulados. “Queremos que saiban de nós. Estimular a comunicación con eles, invitalos a eventos, que sexan os nosos embaixadores… Temos obsesión porque se nos vexa próximos e ser un axente de desenvolvemento local e este é un elemento fundamental para mesturarnos coa sociedade”, explicou Mato sobre a tipo de relación que a Universidade quere manter coas súas tituladas e titulados. 

Pola súa banda, Luis Espada explicou que as e os egresados demandan, ademais de información periódica da Universidade, “interrelacionarse con persoas do seu mesmo ámbito de coñecemento”, mentres que Víctor Martínez, destacou a complexidade que entrañou contactar con máis de 70.000 tituladas e tituladas, dos que unicamente non foi posible contactar cuns 3700.